Cataluña proclamouse vencedora da Regata da Muller, celebrada ao longo de tres xornadas en Vilagarcía de Arousa baixo a organización das Reais Federacións Española e Galega de Vela, tendo como marco o Centro Galego de Vela.
O equipo de El Balís —formado por María, Jana, Lucía e Martina— asinou a remontada e levouse o triunfo con 27 puntos, ademais do Premio á Regularidade outorgado pola Deputación de Pontevedra. A patrona catalá recoñeceu que os comezos foron complicados: “ao principio foi un caos porque nunca antes navegáramos as catro xuntas, nin en esta embarcación. Fomos collendo confianza manga a manga e finalmente logramos establecer os nosos roles. Foi moi reñido, pero conseguimos o primeiro posto e marchamos con moi boas sensacións e con ganas de repetir”.

