O vindeiro sábado, 3 de agosto, a tradicional festa do Carme -nas tamén tradicionais festas patronais de Ribeira- terá un especial significado: se sempre se lle tributou recoñecemento especial á patroa dos mariñeiros, desta vez (e con vocación de continuidade) a homenaxe será compartida coas mulleres e os homes do mar que, co seu esforzo conxunto ou individual souberon situar ao pobo que os acubilla -Santa Uxía de Ribeira- entre as máis importantes poboacións pesqueiras de Europa.
Merecida homenaxe, xusto cando familiares e amigos de mariñeiros mortos ou desaparecidos en augas de Malvinas -outro caladoiro referencial cando en Galicia lembremos aos que xa non están con nós- choran aos que, como tantos outros tantas veces, nunca máis arriarán ao mar aparellos que sempre dan vida en terra.
A do Carme, en Ribeira, e ao igual que nos demais portos da Galicia mariñeira, sempre é festa para a lembranza dos que un día marcharon cun adeus largacío ao pico da Curota, última -demasiadas veces derradeira- imaxe da terra, da casa, da familia, dos amigos que, en tantas ocasións, foron tamén o derradeiro pensamento, o bico morno que se esvae na burbulla que busca a luz perdida e que concreta ese adeus tantas veces expresado na inquedanza do catre.
Será, a do sábado, na lonxa ribeirense e ao pé da Patroa Santa, a homenaxe máis sentida e merecida, complementada polas flores que mulleres, homes e nenos guindan ao mar dende a cuberta dos barcos que procesionan ateigados de agradecidas persoas que pisan por uns minutos onde antes e dempois pisarán os profesionais do mar a quen, con ese acto, se lles vai recoñecer unha mínima parte do que merecen.
Salve, Raíña dos Mares.
…
