Comezou a conta atrás para a 17ª edición da Volta a Ons, a clásica regata que organiza o Club Náutico Arousa Norte que volve contar co patrocinio da Clínica dental doutor Gonzalo López Castro e de Atlantic Dental Institute. Un ano máis puntuará para a Copa Galicia de Cruceiros.
Con saída prevista para as 12.00 desde as inmediacións da enseada pobrense, varias embarcacións procedentes de distintos clubs náuticos das Rias Baixas tentarán levarse ás súas vitrinas o prezado Faro de Ons.
Desde primeira hora da mañá a mariña da Pobra será o marco onde os tripulantes prepararán as súas embarcacións para dispoñerse a realizar un percorrido de 35 millas co obxectivo de circunnavegar as illas de Ons e Onza e regresar ao porto do Caramiñal.
A previsión meteorolóxica anuncia un nordeste típico da ria de Arousa nesta época do ano e agasallará aos participantes cuns 10-12 nós, que farán que a ría sexa, sen dúbida, o marco perfecto para gozar dunha espectacular xornada de regata, segundo informou a organización: o Club Náutico Arousa Norte da Pobra do Caramiñal.
Entre os favoritos á vitoria final atópanse embarcacións e regatistas que xa saben o que é gañar esta prestixiosa regata, como o locais Cámping Ria de Arousa ou Chispetrén.
Outro dos gañadores que repiten na liña de saída é o Siradella, do Real Club Náutico de Portosín con varias vitorias nesta regata ás súas costas.
Outros candidatos á vitoria final son o espectacular TP 52, Corsario, de Jorge Durán, Exit Manitú, do vigués Liceo Maritimo de Bouzas, que repite na liña de saída ou o ribeirense Galopín, de Manuel Franco , que lle vai collendo o truco ao seu novo One Design.
Desde o Náutico Arousa Norte queren agradecer a Clínica Dental Gonzalo López Castro e Atlantic Dental Institute a súa implicación, “sen a cal non se podería realizar esta clásica regata que discorre por un marco incomparábel”.
